Fondo AGADER

Menú de navegación

A Axencia

Órganos de goberno

Cal son os órganos de goberno de AGADER?

Os órganos de goberno de AGADER son o Consello de Dirección, o Presidente, o Vicepresidente e o Director Xeral. Ademais destes órganos de goberno, AGADER conta cun órgano de asesoramento, consulta e participación que é o Consello Asesor.
A normativa que establece e regula estes órganos de goberno e asesoramento son a Lei 5/2000, de 28 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro) e o Decreto 79/2001, de 6 de abril (DOG nº 77, de 20 de abril).

 

O Consello de Dirección

É un órgano colexiado de goberno do cal forman parte representantes de diversas áreas da Administración Autonómica. O Consello de Dirección orienta as actuacións de AGADER e realiza tarefas de supervisión e control como a aprobación de plans e estratexias de desenvolvemento rural ou a aprobación das prioridades na distribución dos recursos. Ademais, decide sobre todas as cuestións relacionadas coa organización, funcionamento e actividades propias da Axencia, sen prexuízo das facultades atribuídas aos outros órganos de goberno e xestión.

 

O Presidente

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde, por razón do seu cargo, ao Conselleiro do Medio Rural. A función do Presidente fronte a terceiros é representar AGADER en toda clase de actos ou negocios xurídicos e nas accións e recursos que procedan. Na perspectiva do funcionamento interno da Axencia, o presidente debe velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia, propor a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento da Axencia, así como ordenar a convocatoria do Consello de Dirección, fixar a orde do día e presidir as sesións.

 

O Vicepresidente

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde a un membro do Consello de Dirección nomeado polo propio Consello de Dirección por proposta do Presidente. O Vicepresidente exerce as funcións que lle sexan delegadas polo Presidente e debe substituílo en caso de ausencia ou enfermidade.

 

O Director Xeral

É un órgano unipersoal de goberno que corresponde a unha persoa nomeada polo Consello de Dirección por proposta do Presidente. O Director Xeral ten diversas funcións entre as cales están a execución dos acordos do Consello de Dirección, a elaboración e avaliación dos plans, estratexias e accións de desenvolvemento rural de AGADER; a proposición das prioridades para a distribución dos recursos e a xestión da Axencia. 

 

O Consello Asesor

É o órgano colexiado de consulta e asesoramento de AGADER e de participación das administracións autonómica e local así como dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento rural de Galicia. Este órgano asesora o Consello de Dirección na elaboración de plans e estratexias de desenvolvemento rural, aconsella sobre as prioridades para a distribución dos recursos, ademais de promover e divulgar os cometidos e actividades de AGADER entre os axentes económicos e sociais e entre as administracións locais.

Copyright, enderezo, contacto e política de privacidade